A vila de Maceda converterase esta fin de semana no centro de referencia do ciclismo galego coa disputa da XVIII Mini BTT, proba puntuable para a Copa Deputación de Ourense, e na que participarán 300 deportistas de entre 5 e 15 anos chegados desde distintos puntos da comunidade.
O vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández, recibiu no Pazo Provincial á alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, e mailo director técnico da Escola de Ciclismo José Antonio Hermida e do Club Ciclista da vila, Xulio Conde, que explicaron os detalles da proba.
Os participantes, que terán unha zona de acampada xunto ás piscinas municipais, poderán desfrutar o sábado, día 12, dun programa de actividades máis lúdico coa visita ao biciparque situado nas instalacións do club ciclista de Maceda, así como a V Marcha das Vagalumes, un percorrido pola vila a partir das nove horas que, logo do anoitecer, convértese en todo un espectáculo coas luces que portan dos novos ciclistas.
O domingo, día 13, é a xornada reservada para a competición da Mini BTT, que se celebrará na contorna das piscinas municipais desde as 10.00 horas. O circuíto terá saída e chegada nos arredores destas instalacións, variando o percorrido segundo a categoría.