ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco será a próxima parada da mostra itinerante sobre a vida de Florencio Delgado Gurriarán

'Compromiso na distancia' estará ata o 29 de setembro na Biblioteca Nós de Ourense

Paneis da exposición ‘Compromiso na distancia’ en Vilamartín de Valdeorras./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistía na mañá deste venres 9 de setembro en Ourense, á inauguración da mostra itinerante ‘Compromiso na distancia’ sobre a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán.

Situada agora na Biblioteca Nós, esta mostra poderá visitarse en Ourense ata o 29 de setembro, logo de pasar por varios centros da Rede Galega de Bibliotecas de Galicia e concellos da Rede de Dinamización Lingüística de ata 10 localidades galegas diferentes, entre elas Vilamartín de Valdeorras. Enmárcanse nas máis de 150 actividades da programación especial das Letras Galegas 2022 que a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos, realiza ao longo de todo o ano para homenaxear e dar a coñecer a figura e obra do homenaxeado o 17 de maio

 

A mostra sobre Florencio Delgado Gurriarán no Centro Sociocultural Santa Lucía. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A mostra consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.

O texto central e a documentación correu a cargo de Héctor Cajaraville con pezas baseadas no libro publicado por Xerais Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor, sendo fotos orixinais en branco e negro que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.

Tras o seu paso pola cidade das Burgas, ‘Compromiso na distancia’ chegará ata O Barco de Valdeorras. Despois percorrerá outras localidades galegas como Lugo, Pontevedra e, finalmente, Celanova.

Artigos relacionados

Back to top button