A Xunta investirá 312.000 euros na residencia pública de Castro Caldelas para realizar unha reforma integral. A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe este centro para anunciar a licitación das obras que permitirán renovar a distribución e mobiliario dos cuartos e a eficiencia enerxética de todo o edificio. Na súa visita estivo acompañada pola alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, e polo delegado da Xunta, Gabriel Alén, entre outras autoridades.
Fabiola García sinalou que estas actuacións permitirán mellorar a calidade de vida dos usuarios e traballadores desta residencia, ao tempo que supón unha considerable mellora das instalacións. Neste sentido, remarcou que un dos obxectivos do Goberno galego é ofrecer os servizos de maior calidade ao maior número de persoas posible.
En concreto, as obras engloban, segundo informa a consellería, “a reforma dos cuartos dos residentes, modificando a distribución e o mobiliario para permitir un mellor aproveitamento dos espazos e un uso individualizado por parte dos residentes, o que axudará a garantir o seu benestar. Por outra banda, reformaranse as instalación de saneamento, fontanería, electricidade, luminarias e calefacción dos cuartos”.