Un total de 39 establecementos, a maioría concentrados na zonas dos Viños e no Ensanche, e tamén nas dúas instalacións termais, participan este ano na 5ª edición do concurso Sabores de Ourense-Primavera, organizada pola Concellería de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense e a Unión de Hostaleiros Ourensáns (UHO), que terá lugar do 22 de abril ao 8 de maio.
Como cada primavera, o requisito imprescindible para participar é que os pinchos estén elaborados con materias primas frescas e de tempada, de produción integrada ou ecolóxica. O importe máximo dos pinchos será 2,50 euros. Ademais, este ano como novidade haberá un establecemento debutante, o Dieciocho da rúa Curros Enríquez, e un que regresa, A Casa do Pulpo, que volve participar no seu emprazamento da rúa Xoán de Austria logo do incendio que a obrigou a pechar.
Na presentación da actividade, que tiña lugar na mañá do 13 de abril por parte do alcalde da cidade, Xesús Vázquez e do secretario da UHO, Javier Outomuro, Vázquez lembrou “a promoción con Renfe para que todos os visitantes que queiran achegarse en tren a Ourense esa semana se beneficien dun desconto do 30% no billete”. As instruccións están na web do Concello de Ourense e tamén en www.turismodeourense.com.
Os premios oficiais do concurso nesta edición son os tres outorgados polo xurado profesional, os tres concedidos polo público, o premio da prensa e o premio Pincho Celíaco, outorgado pola delegación ourensá Asociación Galega de Celíacos, ao que optarán todos os pinchos que non empreguen glute na súa elaboración. O público que deposite o seu voto nas urnas colocadas nos establecementos participantes (logo de encher a papeleta cos tres pinchos) entrará no sorteo de distintos agasallos cos que se premiará a súa fidelidade. Haberá agasallos tamén para os participantes que descarguen a app SaboresdeOurense, para iOs e Mac, e voten polos seus favoritos a través dela.