OurenseÚltima hora

42 anticuarios de España, Portugal, Bélxica, Suíza e Francia expondrán máis de 20.000 obxectos en Expourense

Na súa oitava edición, Antig Auria, que se celebrará do 8 ao 10 de novembro, posiciónase como "a mellor feira de antigüidades de Galicia"

 

Expourense acolle esta fin de semana a oitava edición de Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, que reunirá a 42 expositores procedentes de 5 países (España, Portugal, Bélxica, Suíza e Francia) que expoñerán máis de 20.000 obxectos. Segundo os seus organizadores, a Asociación Memoria Antiga de Ourense, converteuse xa en “a mellor feira de antigüidades de Galicia e unha das mellores do noroeste peninsular, porque así nolo din tanto os expositores como os visitantes”. Expourense colabora un ano máis con esta asociación de empresarios anticuarios da provincia de Ourense na posta en marcha deste evento que conta tamén co apoio da Deputación Provincial de Ourense.

O horario de apertura será o venres 8 de novembro de 16:30 a 21h; e o sábado 9 e domingo 10 de 10 a 14 e de 16:30 a 21h. A entrada ten un custo de 3 euros e é gratuíta para menores de 12 anos.

A 8ª edición de Antiq Auria era presentada na mañá deste mércores 6 de novembro en Expourense nun acto no que particibaba o delegado da Xunta en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo Cid; o deputado de Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Representando a Memoria Antiga participaron o seu cofundador, José Antonio Ferreiro, e o empresario asociado Celso Araujo Meixengo.

Participan nesta feira expositores procedentes de varios puntos de España e Portugal (un 25% dos expositores proceden do país veciño) e conta tamén con expositores de Bélxica, Suíza e Francia. Sobre esta edición destacaron a presenza por primeira vez de expositores de referencia que participan nos mercados de antiguëdades máis importantes de Europa que son as celebradas no sur de Francia (Montpellier, Avignon e Beziers), xa que son as que maior número de anticuarios concentran.

 

 

Os organizadores destacaron o alto índice de fidelidade dos expositores indicando que “lles encanta vir a Ourense, senten cómodos aquí, gozan da cidade e da súa gastronomía e uns van contando aos outros o bo ambiente que se respira aquí e outros anticuarios vanse sumando”. De feito, calculan que ao redor dun 30% dos expositores desta edición son novos e participarán por primeira vez.

Desde Memoria Antiga tamén destacaron a importancia da provincia de Ourense no mercado nacional de antigüidades. Un 25% dos expositores desta edición son empresas ourensás entre as que destacan algunhas como “Arte e Decoración Atlante”, (cuxo xerente, Celso Araujo, participou tamén nesta presentación), que son xa auténticos referentes en toda a península pola variedade e calidade das súas pezas. Desde esta asociación, liderada por José Antonio Ferreiro de Antigüidades Urbano e por Gerardo Román de Antigüidades A Quinta, destacan ademais que o mercado de antigüidades en Ourense é todo un referente nacional pola súa calidade e variedade e que hai moita tradición entre a cidadanía.

O obxectivo de Antiq Auria, tal e como indican desde Memoria Antiga, é “poñer en valor o antigo e que a xente conserve e tómelle agarimo ás cousas vellas porque son parte da súa historia”. Ao mesmo tempo, queren promover o hábito de comprar antigüidades. Ademais de punto de venda, Antiq Auria tamén ofrece a oportunidade aos visitantes de taxar e vender aqueles obxectos antigos que teñan nos seus fogares.

 

 

Antiq Auria propón unha viaxe ao pasado, desde o máis afastado (século XVIII e XIX) ata os xa afastados anos 1980 e 1990, mesmo. Miles de obxectos, de pequeno e gran formato, esperan unha nova vida na oitava edición de Antiq Auria. Esta cita conta cun alto índice de fidelidade tamén por parte dos expositores (espérase superar a cifra das 2.500 visitas da última edición) e volverá converterse en punto de encontro de nostálxicos presentando obxectos únicos e cheos de historia divididos en tres sectores: antigüidades, coleccionismo e vintage.

No referente ás antigüidades propiamente ditas (obxecto con máis de 50 anos) como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, utensilios de prata, porcelanas, etc. Na sección de coleccionismo de poderase atopar numismática, filatelia, obxectos militares e relixiosos, etc. Por último, esta cita conta tamén cunha área reservada para os afeccionados aos obxectos vintage (sec. XX), que se converteron nunha moda e nun referente á hora de decorar fogares ou negocios.

Poxa o domingo

Durante esta sétima edición repetirase a “gran poxa” que terá lugar o domingo 10 de novembro pola mañá a partir das 12h. Cada expositor cederá un obxecto para poxar entre o público asistente e cada un deles terá un prezo de saída de 5 euros. “Trátase dunha boa oportunidade para facerse con pezas únicas a moi bo prezo”, explican os organizadores.

Artigos relacionados

Back to top button