CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima hora

50 aniversario do CEIP Bibei de Viana do Bolo

Artigo remitido por este centro de ensino con motivo do seu medio século de vida

 

No presente curso escolar 2022/2023 o CEIP Bibei de Viana do Bolo celebrou o 50 Aniversario da posta en marcha do centro, que empezou a funcionar no curso 1972/1973 coa Lei Xeral de Educación. Con ela creáronse moitos centros educativos grandes para concentrar ao alumnado das escolas unitarias, buscando unha escola integradora cunha ensinanza idéntica para todos.

Este centro chegou a contar cunha matrícula de 1300 alumnos e alumnas, que procedían dos 50 pobos da bisbarra. Moitos deles permanecían en réxime de internado na Escola Fogar, nun edificio anexo ao centro. Esta elevada matrícula esixiu a ampliación do edificio escolar pasados uns anos da súa inauguración.

Para celebrar este acontecemento tan importante para o centro programáronse distintas actividades ao longo do curso, tales como a elaboración do logo oficial do 50 Aniversario, murais para a entrada do centro, actividades lúdico-culturais, fotografías e vídeos das distintas xeracións de alumnado, unha exposición con material didáctico e impreso destes 50 anos de ensinanza e unha carreira solidaria polas rúas da vila coa participación de toda a comunidade educativa. Finalmente, o 4 de xuño levouse a cabo unha comida homenaxe no comedor do colexio na que participou a plantilla actual do persoal do centro, así como antigo profesorado, alumnado e persoal non docente, e sen esquecer aos representantes das familias.

Durante todo este tempo o centro foi mellorando a súa infraestrutura e funcionamento. Somos un centro de educación infantil e primaria que participamos nun gran número de programas e actividades como o Plan Dixital, os Plans de Mellora de Convivencia e de Biblioteca, o Club de Ciencia, o Plan de Normalización Lingüística, os Contratos Programa ou o Plan Proxecta.

A crise económica dos últimos anos e a volta de moita poboación ao su lugar de orixe, fixo medrar o número de alumnos e alumnas nos últimos anos, o que supón un esforzo de adaptación do centro para atender á diversidade, que sempre foi unha prioridade para nós.

A conmemoración do 50 aniversario do CEIP Bibei foi unha celebración de todo o conseguido nestes anos, sentíndonos orgullosos do seu pasado e do seu presente e optimistas ante o seu futuro. Ao longo destes 50 anos o CEIP Bibei contribuíu a que os nosos alumnos e alumnas alcanzasen importantes metas para o desenvolvemento persoal e socio-cultural da zona. Foi lugar de encontro e boa convivencia e dotou ás persoas de recursos e valores para enfrontarse á vida con éxito. Esforzouse por mellorar a súa oferta educativa, dotándoa de novas metodoloxías e mantendo unhas boas relación entre todos os membros da comunidade educativa.

Texto e fotos: CEIP Bibei.

 

Artigos relacionados

Back to top button