Na mañá deste mércores 23 de setembro, o alcalde do Barco Aurentino Alonso presentaba, ademais do novo rocódromo, dúas obras que afectan a varios núcleos rurais do concello e que eran entgregadas o pasado xoves 17 de setembro.
A primeira delas, consistente na “renovación de pavimento e infraestruturas nas rúas Albarellos e Dr. Fleming, e a estrada Alixo-Millarouso, dotouse cun orzamento de execución de 245.000 euros. Coa posta en marcha desta obra, “quixemos renovar o pavimento en todos os núcleos de actuación e mellorar as infraestruturas de abastecemento e saneamento. Ademais, na rúa Dr. Fleming, procedeuse á reconstrución do muro de contención do talude”, explicou o alcalde.
A segunda das obras, foi a “execución de diques na estrada de Soulecín a Castro de Vilariño”, dotada dun orzamento de execución de 275.000 euros e consistente na estabilización dos taludes afectados da estrada que une Soulecín con Castro de Vilariño, construíndo un paso sobre o Caborco da Moxena.
Para levalo a cabo e tal como explican dende o Concello, “construíuse un dique para estabilizar a calzada afectada, unhas aletas de protección na saída do Regueiro da Mourela, e tamén levouse a cabo a reposición do terreo afectado e a limpeza e nivelado do terreo e a cuneta desta vía, que se viron gravemente afectados polas tormentas, nas que o arrastre da maleza e terras taponou conducións de drenaxe transversal, o que fixo que a auga discorrera pola calzada provocando graves danos”.

Vídeo: Mónica G. Bellver.