Nesta fin de semana Xetafe acollerá o XCVIII Campionato de España absoluto de atletismo. Unha cita no que a representación galega será dun total de 43 atletas, entre os cales estarán os valdeorreses Leticia Gil na lonxitude e Carlos Revuelta no martelo (7,260 quilos). Será precisamente no lanzamento de martelo onde poderá vivirse “un interesantísimo duelo entre o campión de Europa máster Nacho Fernández do Celta e o barquense Carlos Revuelta, separados por apenas 4 cm no martelo e cos postos de finalista ao alcance de ambos”, destacan dende a Federación Galega de Atletismo (FGA).
Pola súa banda, na lonxitude Leticia Gil intentará saltar máis alá dos 6.20 m. Tamén están inscritas nesta cita española, considerada o acontemento estatal máis importante da tempada cuns 775 atletas, a vilamartinesa Eva Arias na proba dos 3.000 obstáculos e Leticia Fernández, atletas do Adas que correrá nos 1.500.
O que non poderá acudir ao nacional absoluto, debido a unha lesión, será o marchador barquense José Fernández Nieves.