Moi boas sensacións no primeiro partido de España na Copa do Mundo de baloncesto feminino, celebrado na noite do 22 de setembro en Tenerife. A selección española, dirixida polo valdeorrés Lucas Mondelo, debutaba vencendo a Xapón por 84 a 70 nun partido complicado no que dominaba claramente.
O conxunto español comezaba adiantándose xa dende o primeiro cuarto, mantendo unha cómoda vantaxe de ata 19 puntos nalgunhas ocasións. Sen embargo, a selección nipona non “baixaba os brazos” e loitaba ata o final pola vitoria. Así, no último cuarto do partido aproveitaban cada ocasión e lograban diminuír a vantaxe española, chegando a estar ata nove puntos da selección de Mondelo. España soubo reaccionar a tempo e remontou, chegando a finalizar con 14 punto por diante de Xapón.
A selección de Lucas Mondelo destacou pola súa sólida defensa, polo seu carácter e gran labor de equipo. Tamén destacou o traballo de banquiño con moita rotación. No partido as bancadas do pavillón estaban cheas de público, que animaba a España. Entre el estaban membros da familia de Lucas Mondelo “Os Carecas”, como os seus pais Lucas e Charo, ademais de Pedro e Blanca. O seguinte rival de España será Porto Rico.