Coa posta en marcha dun albergue turístico e unha cafetería en Santiago de Compostela, comezaba a súa andadura a cadea hoteleira Alda Hotels. Nove anos despois de asumir esa aposta, a empresa xestiona unha trintena de establecementos repartidos por toda a xeografía española.
A última incorporación á cadea é o Hotel Alda Estación Ourense, un establecemento ubicado na rúa San Paio, 6 de Ourense en pleno barrio da Ponte, nun emprazamento próximo á futura estación intermodal, que era inaugurado na tarde do 11 de outubro.
O hotel conta con 26 habitacións e está “ben situado e ao mellor prezo”, indican os promotores do que foi anunciado no seu día como un proxecto de hotel biosostible e con fachada de deseño. Á aposta polas enerxías renovables, fixo referencia o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, presente no acto. O rexedor deu a noraboa a “Castor e á súa familia e todos os que participaron no proxecto, empezando polos arquitectos que lle deron o seu selo persoal, coa parte de enxeñería que fixo posible que este edificio sexa sostible e respectuoso co medio ambiente, xa que a aplicación da xeotermia (o 80% da enerxía será por este sistema) non só contribuirá á reducción de custes senón a unha cidade medioambientalmente mellor”.
Con este novo establecemento, Alda Hotels continúa co seu proxecto de expansión en cidades nas que aínda non estaban presentes como é o caso de Ourense e “esperamos poder abrir máis porque a cidade o requira e a demanda hotelera da cidade nos permita seguir nesa liña”, en palabras do xerente da cadea hoteleira.
Fotos: Carlos G. Hervella.