Tres de cinco. Foron as vitorias conseguidas polos equipos base do Club Deportivo Rúa na xornada do sábado 20 de outubro, disputando en casa todos os partidos.
Un día soleado e intenso que abrían ás 10:30h. os alevíns, cunha contundente vitoria por 6 goles a 1 ante o C.D. Arenteiro B. O segundo partido era o dos benxamíns que compiten en segunda Galicia, de novo entre o Rúa e o Arenteiro B e tamén os locais saían vitoriosos co 4-0 no marcador final. O terceiro partido da mañá, era o dos cadetes que arrancaba pasadas as 12:30h. e nesta ocasión os rueses perdían por 1 gol a 4 fronte aos do Ourense CF B.
Despois de xantar, eran os infantís os encargados de abrir a sesión de tarde, logrando os do Rúa a terceira vitoira do día ao superar por 7 goles a 5 ao CP Calasancio B. Os últimos en xogar eran os benxamíns que participan na primeira Galicia e desta volta os rueses caían 1-4 ante o Ourense CF.
Mañá, domingo 21 de outubro, tocaralle o turno ao equipo sénior que compite en segunda e enfrontarase ao Toén FS a partires das cinco da tarde.
Nesta galería poden verse imaxes dos partidos dos benxamíns (A e B) e tamén dos cadetes.
Fotos: Mónica G. Bellver.