A caída da folla está deixando ao descuberto, tal e como xa se esperaba, máis niños secundarios de Vespa velutina na comarca de Valdeorras neste outono. É o caso do que acaba de aparecer na zona de Freixido de Abaixo (Petín), nas proximidades da estrada OU-533 (A Rúa-A Gudiña) no segundo desvío a Freixido. Xa se deu aviso ao 012 para que interveña. Está situado no alto dun chopo.
Ademais na xornada do 25 de novembro descubríase outro niño secundario de velutina no lugar de Santiago, en Valencia do Sil (Vilamartín). Trátase dun niño de grandes dimensións e está tamén na parte alta dunha árbore, pero neste caso dun castiñeiro.
Dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores o seu presidente, Armando Rodríguez, destaca a importancia de avisar se se localizan niños deste tipo xa que este é o momento no que as raíñas de velutina saen, fecúndanse e van hibernar e van dar lugar, así, a novos niños no seguinte ano. “Dun niño grande poden saír ata cen raíñas por iso é moi importante interrumpir ese ciclo e evitar que se estenda con rapidez. Pode que aínda non sexa tarde, por iso é fundamental a concienciación e colaboración dos cidadáns ante esta problemática”.
As fotos da galería son do niño de Freixido (fotos: Carlos G. Hervella).