O vindeiro sábado 16 de febreiro ás cinco da tarde a Casa da Cultura de Viana do Bolo acollerá unha charla informativa sobre a problemática que supón a praga da Vespa velutina. A sesión levará por título “Vespa velutina, ameaza para as abellas e para o medio ambiente” e será organizada polo Concello de Viana e pola Asociación Galega de Apicultura (AGA).
Nela intervirán José Mª Bello, delegado de AGA no Morrazo e experto na loita contra o tártago asiático, e Joaquín Lozano, veterinario de AGA, que abordarán o comportamento deste insecto invasor e os danos que causa, en particular para as abellas e a apicultura, e sos diferentes sistemas que existen para controlala e minimizar os seus efectos.
“Tratarase de ofrecer recursos para que os apicultores protexan as súas colmeas e a veciñanza poida colaborar nesta loita, así como tamén tomar as precaucións necesarias para evitar accidentes ante a presenza de niños tartagueiros”, adiantan dende AGA.
O obxectivo desta acción divulgativa é “informar á poboación en xeral e a apicultores e apicultoras, un dos sectores máis afectados, ante a recente chegada da praga a esta zona de Ourense”, din os promotores. A asistencia é de balde, pero requírese inscrición previa, por correo electrónico en info@apiculturagalega.es ou no teléfono 981 508 142.