Cunha homenaxe moi especial ao autor do Quixote celebrábase o 23 de abril en Cervantes (Lugo) o Día do Libro. Partindo do deseño dun neno de 11 anos, Pablo, no colexio desta localidade íase elaborando con anaquiños de cerámica de diversas cores un mosaico que recrea os personaxes centrais do Quixote, saídos do maxín e da pluma de Miguel de Cervantes séculos atrás.
Este traballo creativo estivo coordinado polo artista valdeorrés Gerardo Rodríguez Ramos “Chere” e polo seu irmán Manuel. Na súa elaboración colaboraron todos os alumnos e profesores do colexio. Esta é unha nova proposta creativa de Chere, a primeira na provincia de Lugo, e que terá continuidade en breve con novos proxectos noutros puntos de Galicia e mesmo fóra da comunidade.
“No mosaico poden apreciarse as figuras máis representativas do Quixote: o cabaleiro andante, o seu fiel escudeiro Sancho e os muíños de vento, así como a figura de don Miguel de Cervantes mentres escribe”, conta Chere. Sen dúbida, un xeito diferente e moi orixinal de celebrar o Día do Libro e o aniversario da morte deste autor nun lugar tamén chamado Cervantes.
Fotos cedidas.