Dúas son as procesións que centran os cultos na honra á Nosa Señora de Fátima na parroquia ruesa de Fontei. A primeira, a das antorchas celebrábase na noite do venres 10 de maio coa imaxe da Virxe iluminada e seguida polos fegreses con candeas e cirios. E a segunda, a da despedida, marcaba o final da celebración hoxe, luns 13 de maio, pola tarde.
Despois de varios anos coa chuvia como protagonista, este ano un radiante sol guiou aos devotos que acompañaron á imaxe polas rúas da localidade. Foron nove días de novena, rosaio e misas en horario de mañá e de tarde e hoxe, data na que se conmemora a aparición da Virxe en Fátima (Portugal) tiña lugar a última eucaristía celebrada na igrexa parroquial a partires das seis da tarde. E de seguido saía a comitiva, encabezada polos nenos da Primeira Comuñón, polos membros da Corporación Municipal e polo párroco e seguida por centos de devotos.
Despois do percorrido polas rúas de Fontei ata a praza Enriqueta Casanova, a imaxe de Fátima era conducida pola Telesforo Ojea, Progreso, Doutor Vila, Miguel de Cervantes, Benito Fernández e Padre Feijóo, ata chegar novamente ao interior da igrexa cos fieis despedíndoa cos panos brancos ata o vindeiro ano, un dos momentos máis emotivos da celebración.
Fotos: Carlos G. Hervella.