É unha cita gastronómica que se consolida no marco festivo valdeorrés. E así o vén de demostrar na súa quinta edición, na que o Viñotapeo de Quereño (Rubiá) superaba cifras de anos anteriores e sumaba arredor de 400 participantes.
Esta celebración comezaba a partires das oito da tarde do sábado 8 de xuño. Tras mercar unha entrada de 8 euros na entrada da localidade, propoñía aos participantes un percorrido festivo polas adegas da localidade degustando os seus viños (brancos e tintos), acompañados de deliciosos, elaborados e moi variados petiscos, tanto fríos como quentes.
Desta volta podían visitarse as adegas dos barrios do Regueiro, A Currelada, o Quintairo I, o Quintairo II, a do Barrio da Igrexa, As Cortiñas, A Tejera e outras dúas no barrio da Estación.
Arredor das once da noite comezaban a pechar as adegas e a festa trasladábase á pista polideportiva, onde se servía bica, doces e café. Había ademais moita música da man dunha charanga leonesa, Los + buscados, que tamén animaba o traxecto entre adega e adega.
O V Viñotapeo ten sido organizado pola Comisión de Festas de Quereño co apoio dos veciños deste pobo e en colaboración con Talleres Dupont, Distribuciones Carrizo e o Concello de Rubiá.
Fotos: Carlos G. Hervella.