Unha das principais actividades do programa “Un verán de altura” do Concello de A Veiga, será a observación do ceo no Destino Turístico Starlight Trevinca o vindeiro 27 de xullo. Así, este programa conta con numerosas actividades.
A X Marcha Nocturna entre Lobos e Estrelas, organizada polo Clube de Montañismo Montañas de Trevinca, abrirá o calendario de actividades o 20 e o 21 de xullo. Así, o 27, ademais da observación do ceo, terá lugar en Ponte a ruta turística Lagoas de Ocelo e Centro ZEC Pena Trevinca. A actividade de tiro ao prato, pola súa banda, desenvolverase os días 27 e 28 de xullo.
Xa en agosto, María do Ceo comezará as actividades co seu concerto o día dous. Así, ao día seguinte, o Clube de Montañismo Montañas de Trevinca organizará a actividade Os Ceos Nocturnos e as Bolboretas de Trevinca.
Os días 3 e 4 o fútbol praia ateigará A Veiga co I Torneo VeigArena Cup de Fútbol Praia (con categorías masculina, femenina e mixta). Así, o día 7 de agosto haberá unha visita guiada polo Museo de Liño de Requeixo. O día 9 celebraranse as festas patronais, para o día 10 presenciar as bágoas de San Lourenzo.
Pola súa banda, a V Carreira e Andaina popular A Veiga celebrarase o 11 de agosto, mentres que o día 12 haberá dúas actividades, Tecendo as Rúas e a V Ruta de Pinchos A Veiga, coas actuacións da Charanga Fuego e Zorrollos Band. Ademais, o día 14 terá lugar a actividade Montaña para todos: “Coñece Trevinca”.
O deporte estará presente neste concello no Maratón de Fútbol Sala os días 16, 17 e 18 de agosto no Pavillón da Veiga. O 16 tamén terá lugar a actuación do Mago Teto e o 17 o concerto da Escola Municipal de Música.
O día 24 estará ateigado de actividades, xa que terán lugar a Cicloruta Interpretativa pola Senda de Xares, os Cantos de Taberna e o Maratón de Estrelas “Orientación baixo as estrelas”. Así, para rematar este programa, o día 31 repetirase a ruta turística Lagoas de Ocelo e Centro ZEC Pena Trevinca.
Para facer a inscrición nas distintas actividades é necesario poñerse en contacto con calquera dos seguintes teléfonos:
988 35 00 00 (Concello)
988 35 01 30 (Oficina de Turismo)