A moda volverá saír á rúa da man do Centro Comercial Aberto O Barco. Tralo éxito de participación e público da anterior edición, o CCA volverá organizar o desfile de moda ao aire libre, con modelos afeccionados.
Así, a pasarela “O Barco de Moda 2019”, que terá lugar o 20 de setembro na praza do Concello, realizará o proceso de selección de modelos o vindeiro xoves, 5 de setembro, no Paseo do Malecón do Barco, “á altura da praza José Otero”, matizan dende a asociación.
O casting está “aberto a todas aquelas persoas que, interesadas no mundo da moda, queiran desfrutar da experiencia de sentirse modelos por un día”, apuntan dende o CCA, e o horario será de 18 a 19:30h. para nenos de ata 14 anos e de 20 a 21:30h. para adultos. “Os menores de 18 anos que queiran presentarse ao proceso de selección deberán ir acompañados dun titor”, puntualizan.
O xurado estará composto por Diana Ortíz, encargada da organización e coordinación da pasarela, así como por membros da Asociación Centro Comercial Aberto.