Cun chapuzón festivo nas frías augas do Sil amencía un ano máis (e van 27) o Día do Cristo no Barco de Valdeorras.
Cos albores do día neste 14 de setembro e unha temperatura suave no exterior (no así no río que baixaba especialmente frío), en torno a cincuenta persoas de todas as idades íanse achegando á Capitana, á beira do Sil ao seu paso polo Barco. Ese é o punto de partida da carreira a nado que levou aos participantes no Madrugón, río abaixo ata a praia fluvial do Malecón (entre 300 e 400 metros).
É unha carreira, si, pero o Madrugón é sobre todo unha tradicional cita festiva na que os máis intrépidos retan ao frío e ao sono para comezar o día con enerxía. Por iso priman o humor e as bromas, nun ambiente distendido (malia o frío), aderezado cuns groliños de licor de café por xentileza da familia de Arturo “Careca” de Éntoma.
Entre os participantes nesta edición había moitas caras coñecidas, entre elas as do matrimonio formado por Ricardo e Chelo que levaban varios premios: o de mellor nadadora, mellor disfraz feminino e mellor disfraz masculino. Tamén estaba Pablo Israel que levou o trofeo ao mellor nadador. Con respecto aos demais premios, os Urdangaray levaban un ano máis o da familia máis numerosa e o Adas Natación o do club máis numeroso. Os nenos premiados foron Pablo Carracedo e Iria Urdangaray, e o de disfraz colectivo era para “Os Cubatas”.
Ademais, todos os participantes levaron unha toalla conmemorativa e foron agasallados cun bo almorzo a bse de chocolate con churros no Cafetín. Outra das tradicións desta cita festiva coa que se inaugura o día grande das Festas do Cristo, na que un ano máis estaban presentes os concelleiros de Deportes, Aurentino Alonso e de Cultura, Margarida Pizcueta.
Con respecto á seguridade da proba, á Policía Local, GES Valdeorras e Julián Rodríguez León na piragua, sumábase este ano a Garda Civil, con tres axentes á beira do río.
Fotos: Carlos G. Hervella.