Despois da eliminatoria da Copa Galicia, o Pizarras Los Tres Cuñados FS poñía toda a súa concentración e empeño na liga en segunda nacional B e o resultado non podía ser mellor. Cunha traballada vitoria comezaban os valdeorreses a tempada, no partido disputado na tarde do 14 de setembro, en plenas Festas do Cristo no Barco, no pavillón de Calabagueiros ante oClub Ribeira Fútbol Sala.
O partido comezaba con moita intensidade e moi igualado, con oportunidades para ámbolos dous conxuntos, aínda que era Juanma quen abría o marcador local cun temperán gol. Cinco minutos despois empataban os do Ribeira pero Iván volvía adiantar ao seu equipo no 10′. Os quince primeiros minutos foi un contínuo “toma de daca” e un minuto despois o luminoso marcaba o 2-2. Sería Bruno quen anotaba o desempate intres antes de que o colexiado pitara o final da primeira parte.
Tralo paso polo vestiario, os visitantes volvían empatar, sendo Bruno quen poñía o 4-3 e o 5-3 en apenas dous minutos. Os xogadores do Ribeira non estaban dispostos a ceder os tres primeiros puntos da tempada e lograban volver a empatar a 5. A falta de 10 segundos e tralo gol de Gonzalo no minuto 28, os valdeorreses vencían por un axustado 6-5, sendo no tramo final cando Iván e Bruno sentenciaban o encontro.
Co 8-5 final, o Pizarras Los Tres Cuñados FS suma os tres primeiros puntos dunha liga na que por primeira vez o club fará socios e cobrará entrada para os partidos. Na vindeira xornada viaxarán ata terras asturianas para xogar contra o Boal F.S.
Fotos: Mónica G. Bellver