No “corazón do Ribeiro, coa mellor carne e o mellor viño”. Así se presenta dende a organización a II Festa Gastronómica da Tenreira Cachena, que terá lugar o vindeiro 4 de xullo en Santo André de Camporredondo (Ribadavia).
“A nova xunta da Comunidade do Monte Veciñal organiza esta festa que desexa pór en valor o traballo realizado para a ordenación e o aproveitamento do monto, así coma o alto valor gastronómico da cachena que alí se crían”, sinalan os promotores do evento.
O programa comezará ás 13h. cunha sesión vermú a cargo dun grupo de gaiteiros e xa ás 14h. desenvolverase o xantar no que poderá degustarse un menú a base de tenreira cachena preparada de tres xeitos diferentes: empanada, carne ao caldeiro e carne richada. Pratos que serán acompañados por viños de Santo André en concreto os de Cume do Avia, Casal de Armán, Elisa Collarte, Casal de Paula e Canción de Elisa. O prezo da entrada será de 20 euros.
A festa incluirá asemade un campionato de baralla a partires das cinco, actividades infantís e ás 21h. verbena a cargo do Trío Azar e degustación gratuíta de orella. Xa ás 23h. farase un sorteo no recinto da festa dunha televisión e a medianoite haberá unha tirada de fogos de artificio.