Coa visita dos Bolechas a San Xoán de Río comezaban os actos do magosto neste municipio a partir das 16h. do sábado 9 de novembro. Uns corenta nenos e nenas acompañaban a estes personaxes de Pepe Carreiro durante o seu espectáculo, que se prolongaba un par de horas.
Ao mesmo tempo, entre as 16 e as 17h. desenvolvíase no pavillón municipal o II Concurso de doces. As sobremesas participantes eran valoradas por un xurado presidido por Anxo Trives do Hostal Restaurante A Viuda. O fallo do xurado daba como gañadores a Breixo e Antía pola súa tarta de chocolate, en segundo lugar quedaba o doce de castañas elaborado por Laia e Moruena e no terceiro outra sobremesa con castañas de Luis e Martín.
Dende as seis dábase paso, no mesmo pavillón, ao magosto propiamente ao ritmo marcado polos Bertolini de Manzaneda. Primeiro servíanse as castañas (un total de 100 quilos), despois viñan os chourizos (uns 300), e logo a bica e as sobremesas do concurso de doces. Por suposto, non faltaban bebidas para acompañar como o viño.
Este magosto, que reunía a unhas 300 persoas, estaba organizado polo Concello de San Xoán de Río e pola Asociación Cultural RíoMola, contando tamén co apoio de Protección Civil deste municipio.
Fotos: as once primeiras da galería son de Xosé Miguel Pérez, o resto de Carlos G. Hervella.