Dende hai uns días un grupo de nove voluntarias de Viana do Bolo (Chuchi, Conchi, Minda, Mari, Pura, Yoli, Marian, Margarita e Cristina) están facendo mascarillas nas súas casas para repartir nas residencias da terceira idade desta zona e de comarcas próximas, así como en establecementos comerciais.
Todo comezaba cando a unha delas, Cristina Fernández, un amigo lle plantexa a falta deste tipo de material. Entón ela, xunto con outras oito voluntarias, púxose mans a obra e ata o día de hoxe levan xa feito unhas 350, que teñen sido distribuídas nas residencias da terceira idade de Larouco, Viana do Bolo, A Veiga, Manzaneda, no Barco…
“Ademais enviámoslle un paquete a un amigo meu de Menorca e tamén se mandaron a Madrid. Ademais estámolas repartindo polos comercios, en Correos, a todo aquel que as necesite”, explica esta voluntaria vianesa, para quen “o importante é facer algo para manternos ocupados e, ao mesmo tempo, axudar á xente e transmitir un pouco de espírito positivo nestes momentos nos que a xente ten a moral un pouco baixa”, comenta Cristina, quen agradece de xeito especial o apoio do seu “equipo de costureiras, que levan moitas horas cosendo e ás que lles dou mil grazas”, resalta.
Estas voluntarias, que continúan volcadas nesta iniciativa solidaria, contan co apoio do Concello de Viana, que lles doou o biés para as tiras das mascarillas. “Nós seguimos producindo mascarillas para tratar de contribuír a mellorar esta situación”, insiste Cristina.
Nestas imaxes pode verse a algunha das voluntarias traballando e algunhas das persoas que levan as súas mascarillas.
Fotos cedidas.