A celebración da Feira do Viño de Valdeorras era un dos asuntos abordados na sesión plenaria celebrada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras neste luns 22 de xuño. Na reunión acordábase reformular este mostra, que tradicionalmente se celebra a mediados de xullo na praza de Viloira (O Barco), “ante a situación de incertidume sanitaria provocada pola Covid-19”. Así o sinalaba ao termo do presidente do organismo, José Luis García Pando.
Así, en lugar de que as adegas despreguen os espazos expositores habituais na praza de Viloira, o que podería orixinar “riscos para a saúde de participantes e visitantes”, este ano vaise dar maior protagonismo á tradicional Cata dos Viños de Valdeorras, acostuma abrir o programa da feira e cuxos premios se entregaban como broche da mostra.
Nesta edición, a cata abrirase a todas as adegas da comarca e, posteriormente, cara a finais de xullo promoverase un acto público de entrega de premios aos mellores brancos e tintos. Trátase, en palabras de García Pando, “dun acto que, ademais, pretende por en valor o traballo dos viticultores e adegueiros da comarca, que seguiron traballando día a día durante a pandemia por ser parte dun sector considerado esencial e que se celebrará tendo en conta todas as medidas preventivas e de distanciamento social preceptivas”.
Aprobación das contas do consello
Na sesión plenaria deste luns tamén se aprobaban, de xeito provisional, as contas do CRDO Valdeorras para 2020, fixadas por riba de 460.000 euros. Ata unha terceira parte do orzamento aprobado destinarase a accións promocionais. Se ben, tal e como sinalou o presidente do consello regulador, as cifras poderían variar en función de se os ingresos do organismo se ven afectados pola situación orixinada pola Covid-19.
Finalmente, na xuntanza de hoxe deuse tamén o visto bo á integración do CRDO Valdeorras na Asociación dos Consellos Reguladores Galegos, promovida pola Xunta de Galicia.