Cunha vitoria a domicilio vén de estrear a tempada o CV Aceites Abril. O conxunto ourensán chegaba a logroño para enfrontarse ao recén ascendido D’Elhuyar, facendo valer a súa experiencia na categoría. Durante os dous primeiros sets do encontro, o Aceites Abril foi o claro dominador distanciándose rapidamente no tanteo “con moita eficacioa no saque o que inhabilitaba o xogo das locais”, apuntan dende o club ourensán, chegando aos finais cunha ampla vantaxe. O terceiro set foi o máis igualado deste primeiro encontro da tempada, vendo a mellor versión do equipo de Logroño cun saque agresivo que as axudou a manter a tensión ata a recta final que acababa sendo para as ourensás.
Ao final D’Elhuyar 0 Aceites Abril 3 (14-25, 18-25, 21-25). Unha importante vitoria para as xogadoras de Ourense que lles dá forza para afrontar unha nova semana, na que de novo terán que pasar as probas serolóxicas antes de recibir ao equipo de Calasancias (A Coruña).