Este domingo, 15 de novembro, o parque náutico de Castrelo de Miño acollerá o campionato galego de remo olímpico nas categorías alevín e infantil, masculino e feminino. Un evento no que participarán 13 equipos que percorrerán dúas distancias na pista náutica de Castrelo: 500 metros na categoría alevín e 1.000 metros na categoría infantil.
O comezo das regatas será ás 10:30 horas e a hora prevista para a entrega de medallas será ás 13.30 horas. Os clubs participantes proceden de Ourense, Lugo, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo e Moaña.
A presentación do eventeo deportivo tiña lugar na mañá deste venres na Deputación de Ourense, contando coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; do alcalde e o concelleiro de Deportes de Castrelo de Miño, Avelino Pazos e José Antonio Ferreiro, respectivamente; do presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; e do xefe do Servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez.
No acto, o alcalde de Castrelo de Miño amosou a disposición do Concello para a “máxima colaboración para que este mar do Ribeiro sexa tamén de toda a provincia de Ourense e seguir cooperando para potenciar os deportes náuticos”, dixo Avelino Pazos. Neste sentido, o presidente da Federación Galega de Remo salientou que Ourense “é o maior mar interior de Galicia e o mellor sitio para o remo”.