Na súa reunión desta tarde o comité clínico de expertos que fai seguimento á evolución da pandemia do Covid-19 en Galicia, presidida polo conselleiro de Sanidade, Julio García; acordaba levantar as restricións especiais nos concellos ourensáns de Verín, Amoeiro e Coles; noutros tres da provincia da Coruña (Trazo, Boqueixón e Val do Dubra); nun da provincia de Lugo, Monforte; e noutro da provincia de Pontevedra, Campo Lameiro. Nestes concellos rexerán, pois, as medidas de nivel 2.
Así mesmo, os expertos que avalian a expansión do coronavirus na comunidade galega acordaron incorporar ao concello de Moaña ao grupo de municipios con restricións especiais.
As medidas serán publicadas mañá no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a partir da medianoite do mércores.
Ademais, nas localidades de Petín, A Rúa, Ribeira, Dumbría e A Lama, malia que continúan co mesmo nivel de restricións actual, o comité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.
A Xunta de Galicia lembra a obrigatoriedade de cumprir as normas restritivas para facer fronte á pandemia, e solicita “a máxima colaboración dos concellos e das Forzas de Seguridade do Estado para a vixilancia das mesmas”.
Sanidade quere remarcar, unha vez máis, que “se se cumpren as medidas decretadas polo Executivo galego, os concellos poderán aliviar as súas restricións”.