As cifras do coronavirus continúan baixando. Así, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco conta con 632 pacientes con infección activa, 81 menos que onte, segundo os últimos datos, actualizados ás 18h. do 20 de febreiro, e publicados esta mañá pola Consellería de Sanidade. Tamén descenden os novos casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas cun total de 17 (fronte aos 23 de onte).
Sen embargo, soben levemente os ingresos. Hai 65 persoas hospitalizadas en planta (5 máis que onte) e 6 na Unidade de Coidados Intensivos (2 menos que onte). O Hospital de Valdeorras continúa con 2 ingresos de pacientes en planta, os mesmos que o Hospital de Verín, e o Hospital Universitario de Ourense ten 60 en planta (5 máis que onte) e 5 (2 menos que onte) na Unidade de Coidados Intensivos. Finalmente, a Clínica Santa Teresa ten 1 ingreso en planta e outro en UCI (as mesmas cifras que onte).
O total de casos rexistrados dende o inicio da pandemia ata o de agora na provincia ascende a 14.442, con 13.410 curados e 400 falecidos (onte Sanidade notificaba dous novos falecementos no Hospital Universitario de Ourense). Polo de agora lévanse realizado 200.924 probas PCR e 99.311 probas serolóxicas.