A protagonista das actividades da vindeira fin de semana en Trives será a castaña. Dende o Concello organizáranse unha serie de propostas pensadas para os máis pequenos, pero tamén para os maiores. Así o 13 de novembro pola tarde os nenos máis pequenos (nados no 2010 ou antes) poderán facer manualidades “dándolle vida ás castañas” na biblioteca municipal.
Ademais, na mañá do sábado 14 de novembro os cativos maiores de tres anos poderán sumarse ao “sendeiro miúdo”, unha ruta de 3 quilómetros aproximadamente polos sequeiros triveses na que poderán “desfrutar dos nosos bosques no outono, un auténtico paraíso natural”, tal e como se adianta dende a organización.
O punto de partida será Penafolenche ás once da mañá e os rapaces irán acompañados por traballadoras da Oficina de Turismo. Durante o percorrido, os participantes recollerán follas e material para traballar con nenos na Ludoteca “O Recanto Infantil” xa pola tarde, durante o magosto. “Cada actividade serán pequenas e sinxelas manualidades elaboradas con materiais propios de outono, co fin de facer pasar aos cativos e non tan cativos, unhas xornadas ben divertidas”, segundo informa o Concello de Trives.