A partir deste mércores 14 de abril poderá visitarse de novo o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, tras varios meses pechado debido ás consecuencias da pandemia por Covid19. O sistema de visitas segue o modelo iniciado en 2018, tras a restauración do monumento, con acceso controlado, en grupos reducidos, de maneira que se poidan manter as condicións necesarias para a súa conservación, tal e como se informa dende a Catedral de Santiago.
Esta reapertura realízase grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo, e foi presentada esta mañá polo deán da Catedral, José Fernández Lago, o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo e o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Nunha primeira fase, o Pórtico poderá visitarse de forma gratuíta, en grupos limitados a un máximo de 20 persoas, con acceso desde o interior da catedral. A colaboración establecida entre a Xunta de Galicia e a Fundación Catedral permitirá a posta en marcha deste programa de visitas, para o que será necesario retirar, previamente, unha invitación no lugar habilitado para iso na área de recepción do Museo Catedral situado na Praza do Obradoiro, onde tamén se permitirá o acceso gratuíto á Sala do Coro pétreo do Mestre Mateo e á de arqueoloxía do Museo Catedral.
O horario de atención ao público deste espazo será de martes a sábado de 10,00 a 14,00 horas. Cada persoa poderá retirar un máximo de 2 invitacións.
O horario de visitas debeu adaptarse á celebración da liturxia no altar maior da catedral e será o seguinte:
– De martes a sábado, de 10,00 a 11,30 / de 13,00 a 14,30 e de 16,00 a 18,00 horas
– Domingos, de 10,00 a 11,30 e de 13,00 a 14,30 horas
– Luns pechado.
A visita será libre e individual, cunha duración máxima de 25 minutos. Con carácter complementario, a Fundación Catedral poñerá ao dispor dos visitantes a posibilidade de descargarse unha App de visita, así como a adquisición dunha guía explicativa, que estará dispoñible na propia área de recepción do Museo.
Para maior información sobre sobre o programa de visitas pode consultarse a páxina web www.catedraldesantiago.es. Tamén estarán dispoñibles os números de teléfono 675302390 – 981552985 e o correo electrónico visitasportico@catedraldesantiago.es.
Nunha segunda fase, o programa manterá a estrutura comentada, pero o acceso realizarase desde a Cripta do Pórtico da Gloria, na que, nestes momentos, están a rematarse os traballos de restauración. Deste xeito, a visita permitirá un completo percorrido polo conxunto arquitectónica do Pórtico da Gloria, parte fundamental do proxecto dirixido na catedral polo Mestre Mateo.
Para unha última fase, cando a situación sanitaria permítao, prevese combinar, a partes iguais, as visitas gratuítas e de pago, en todos os casos, en grupos reducidos, previa reserva de praza e con acceso a través da Cripta do Pórtico da Gloria.
Polo que se refire á estrutura de madeira que protexe o Pórtico da Gloria, esta será necesaria mentres non se garantan as adecuadas condicións ambientais no interior da catedral, xa que o Pórtico da Gloria e a súa policromía son altamente sensibles aos cambios bruscos de humidade e temperatura.
Nestes momentos, os técnicos están a estudar as medidas para adoptar para mellorar estas condicións no templo e, unha vez quede solucionada esta cuestión, non antes, será posible retirar este encapsulamiento de protección.