
Ruxe Ruxe de Compostela + Zënzar de Cerceda. As dúas bandas de rock galegas xuntaranse para deleitar ao público ourensán, nun concerto que darán de forma individual e tamén conxunta, o vindeiro sábado 5 de decembro na Sala Berlín.
Con case vinte anos as súas costas, Ruxe-Ruxe está a presentar o seu décimo traballo discográfico “Un Mundo Perfecto” (Lobicán Records 2015). Catorce novos temas nos que reflicten a súa “personalidade nunha viaxe a un universo sonoro de cor e soños”, explican dende a banda, con reivindicativas letras que falan da amizade, do amor, da vida, das loitas persoais,… sempre en clave optimista e desenfadada.
O décimo traballo de estudo é tamén o que está a presentar Zënzar, acompañados de Xosé M. Ares á gaita e Xenderal á voz e beat box. “Camiñantes entre serpes” son trece temas potentes, cun son á altura da traxectoria do grupo, co-producidos por Javier Abreu.
A apertura de portas da sala de concertos será ás 20:30 horas, pero o concerto non comezará ata media hora despois. O prezo das entradas é de 7 euros anticipada (ruxeruxe.com) e 10 en taquilla.



