Por unanimidade saía adiante no pleno municipal do Barco deste 3 de xuño o punto relativo a cesión dun local municipal a favor da Dirección Xeral da Policía (Ministerio do Interior-Administración Xeral do Estado) para a instalación dunha unidade de documentación e estranxeiría.
Trátase dun local baleiro, situado no segundo andar do Edificio Multiusos, duns 93,07 m2 construídos. “Será unha concesión por 5 anos prorrogables anualmente”, explicaba o voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Aurentino Alonso, indicando tamén que entre as obrigas do Concello figuran a de facer obras para adaptalo para o seu uso como oficina de documentación, así como a súa conservación, limpeza e gastos de electricidade, principalmente.
A proposta recibía o apoio da oposición, tendo en conta que nesta sesión non estaba o concelleiro de Riada Cidadá. Así o edil do BNG, Suso Vilasánchez, sinalaba que “a contía e as obrigas” desta cesión “teñen escasas importancia e o beneficio social é moito”. De maneira similar se manifestaba, a portavoz municipal do PP, Sabina Aguado, “é un servizo necesario, pedido, e todo o que sexa facilitar que sexa aquí parécenos ben”.
Tamén o resto de puntos da orde do día do pleno saían adiante por unanimidade. Entre eles estaban a denominación e regularización de numeración dalgunhas vías da zona coñecida como “O Serro” e no diseminado de Vilobal.
Ademais resultaban aprobadas por unanimidade dúas mocións presentadas polo BNG, nunha delas pedíase o impulso da delimitación definitiva do Camiño de Inverno e na outra que o Concello do Barco amose “a rotunda oposición á intención do goberno central de establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por considerala unha medida regresiva que establece barreiras económicas no acceso á servizos básicos como son as infraestruturas viarias, porque incrementa a inseguridade viaria e porque supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galiza”.
Neste último caso, o voceiro socialista, Aurentino Alonso, matizaba que o voto a favor do seu grupo quedaba condicionado que isto non se aplique “na actual conxuntura económica de crise”.
Apertura da piscina climatizada
Xa no punto de rogos e preguntas, o alcalde do Barco, Alfredo García, sinalaba, respostando a unha cuestión formulada polo edil popular Antonio Melo, que a piscina climatizada do Barco abrirá as súas portas entre finais de setembro e primeiros de outubro. “A piscina está lista para abrir. En setembro a empresa porase a traballar para poder estar a pleno rendemento a finais de mes”, indicaba o rexedor.
Petición do Día das Letras Galegas para Florencio Delegado Gurriarán
No pleno o alcalde barquense tamén se daba lectura a unha declaración institucional, apoiada polos catro grupos políticos municipais (PSdeG-PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá), na que o Concello do Barco se suma á iniciativa promovida polo proxecto cultural As Letras de Florencio en apoio da candidatura do poeta vilamartinés Florencio Delgado Gurriarán para que se lle adiquen as Letras Galegas do 2022.