A humorista madrileña Stephy Llaryora actuará o venres 20 de decembro na Rúa
“Camaleónica, pizpireta, explosiva” e con ampla experiencia en teatro e televisión, a actriz madrileña Stephy Llaryora achegarase ata Valdeorras para presentar o seu monólogo Nueba Llork sin sexo.
Será o venres 20 de decembro, de madrugada, no Bravo Lux (Doutor Vila, 12) da Rúa, onde Stephy falará “dende os seus trinta: solteira, sen fillos, nin miras”, en contraste coas súas amigas, casadas e incluso nais e fronte á “demanda de ir sentando a cabeza” que corresponde á muller da súa idade.
O monólogo trata a visión cómica da muller independente, satisfeita coa súa solteiría pero tamén indignada por non atopar á súa media laranxa. Partindo desa base, a humorista fará unha análise de temas paralelos como vivir nun barrio cosmopolita, as verdades e as mentiras das relacións a distancia…
O broche a este espectáculo de humor, porao a imitación cómica de Tina Turner, con voz en directo sobre unha peza instrumental aportada pola propia Stephy en soporte mp3 e posterior parodia en español, que contará coa participación do público.
Texto: O Sil/Redacción