Este curso o alumnado de 5º de educación primaria do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa está a levar a cabo o programa de Educación Patrimonial “Mirando polo Camiño”, un proxecto enmarcado no Plan Proxecta, cuxa temática xira en torno ao Camiño De Santiago, centrándose na ruta do Camiño de Inverno que transcorre pola localidade.
Tal como explican dende o centro, co proxecto preténdese dar a coñecer ao alumnado “o fenómeno do Camiño De Santiago, o patrimonio cultural, artístico, literario… máis próximo así como promocionar e facer visible a ruta do Camiño de Inverno á sociedade desta comarca”, a través de varias actividades.
Unha delas, en colaboración con AEVA, é a exposición dos traballos artísticos realizados polo alumnado ao abeiro do proxecto, nos escaparates dalgúns comercios da localidade no que xa locen, tal como pode verse nestas imaxes. As maquetas permanecerán expostas ata o 21 de xuño.