CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Sergio Pazos actuará en Quiroga

“Rebento se non o conto” é o espectáculo que o humorista ourensán presentará o 18 de decembro no Ruxe Ruxe
Cartaz do monólogo de Sergio Pazos no Ruxe Ruxe (Quiroga).
Cartaz do monólogo de Sergio Pazos no Ruxe Ruxe (Quiroga).

“Un monólogo comigo mesmo pero dialogando co público. Ou ao revés, un diálogo co público pero falando comigo mesmo”. Así define Sergio Pazos o seu espectáculo “Rebento se non o conto” co que se achegará o vindeiro venres 18 de decembro ata Quiroga.

En concreto será na cervexería-pub Ruxe Ruxe, onde o actor e humorista (“Caiga Quien Caiga”, “Pratos Combinados”, “Cuéntame”…) botará man de todo o seu encanto para meterse ao público no peto, cun impactante espectáculo humorístico e crítico a partes iguais, no que tampouco se esquecerá do val de Quiroga e dos seus habitantes.

O actor e humorista ourensán, Sergio Pazos.
O actor e humorista ourensán, Sergio Pazos.

Nesta actuación, a primeira de Pazos na localidade lucense, o artista ourensán aproveitará a retranca galega para “analizar a situación desta España nosa, tan surrealista ás veces, tan deprimente outras, pero iso si, sempre sorprendente e divertida”, tratando de dar resposta (ou non) a preguntas tan rebuscadas como ¿por qué os galegos somos tan distintos ata para os monólogos?, ¿Por qué a crise?, ¿Por qué a crise da política, dos políticos, da Casa Real, dos “personajillos” populares e televisivos?

Sempre no fío da ironía, con gracia e salero, Sergio Pazos falará da actualidade (do mundo, de Galicia e de Quiroga) para conseguir sacar un sorriso ao público.

A cita será o venres 18 a partires das 23;30h. Prezo da entrada 5 euros.

Artigos relacionados

Back to top button