As curtametraxes que se proxecten dentro da selección oficial a concurso do Festival Internaciona de Curtas Vía XIV de Verín poderán visionarse, por vez primeira este ano, en modo online, tal e como vén de anunciar a organización do certame. Grazas a un acordo acadado entre a organización do festival e a plataforma festhome.com, será posible a divulgación en liña do contido oficial do festival.
Deste xeito, segundo sinala Carlos Montero, “agardamos chegar a máis espectadores e non só a aqueles que acudan presencialmente ao Auditorio de Verín, sede física do certamen”. “A idea de complementar as sesións presenciais coa retransmisión online permitirá, sen dúbida, xerar máis audiencia global”, destaca o director do FIC Vía XIV de Verín.
A VI edición do Festival Internacional de Curtas de Verín celebrarase entre o 4 e o 12 de setembro próximos na vila do Támega. Como cada ano, as curtas seleccionadas a concurso divulgaranse baixo catro categorías: Horizontes, Outra Mirada, Fronteira e Nova. O certame de curtas atópase xa plenamente insertado na axenda cultural de Verín e a vindeira edición, ao igual que aconteceu o ano pasado, desenvolverase baixo un estrito protocolo anti-Covid.