Esta fin de semana está sendo moi boa para o deporte valdeorrés. Mentres Leticia Gil se proclamaba campioa de España absoluta en lonxitude e os pequenos do CD Rúa campións de liga, a karateka Lucía Herrero Valcarce (KC River Stone do Barco) lograba a medalla de prata no Mallorca Karate Clinic.
A deportista barquense era un dos membros da expedición galega neste campionato, especialmente pensado para preparar tanto as Olimpíadas como os Europeos que se está a disputar na illa mallorquina, proclamándose subcampioa en kumite Sub21 -55 kg.
No mes de marzo, Lucía Herrero era unha das afectadas polos positivos de Covid impedían a parte da selección galega de karate participar no campionato de España Sénior. Estaba preparada e tiña moita ilusión por competir, pero malia dar negativo na proba, por protocolo tiña que facer corentena. Tres meses despois, lograba desquitarse con esta medalla en Mallorca.