Un total de cinco empresas veñen de presentar ofertas para executar as obras da reforma do centro de saúde de Ribadavia (Pontevedra), nas que a Xunta de Galicia ten previsto investir 692.815 euros. O obxectivo principal da reforma do centro de saúde de Ribadavia é a rehabilitación e a actualización da envolvente térmica do edificio. “Levarase a cabo un illamento térmico integral, instalando un sistema que mellore a eficiencia enerxética do edificio. Farase unha substitución total da cuberta, incluída a estrutura, substituíndo as chapas metálicas por paneis sándwich con illamento térmico no seu interior; e, tamén, os cerramentos verticais, polo que se cambiarán as carpinterías exteriores por unhas ventás con persianas e vidros dobres baixo emisivos e aplicarase un sistema de illamento térmico exterior”, segundo informa a Consellería de Sanidade.
Así mesmo, realizarase a substitución das lamas de protección solar por uns perfís de aluminio de sección elíptica, que permita unha maior visibilidade exterior sen reducir o control solar, e mantendo a imaxe horizontal do edificio. Aproveitarase esta intervención para pintar o interior e para unha reforma integral dos aseos dos andares baixo, primeiro e segundo, xa que non había aseos accesibles.
A obra obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia do Covid-19.