A mañá deste mércores 8 de decembro amencía fría, con intensas chuvias e tamén neve, pero iso non impediu que 23 camiñantes, asistisen á convocatoria feita dende a Oficina de Turismo Valdeorras da Rúa para percorrer a a Vía Nova ao seu paso pola Serra da Enciña da Lastra, no concello de Rubiá.
Era un novo paseo histórico-cultural para coñecer os segredos de Valdeorras, desta volta pola serra para coñecer o parque natural, a súa flora e tamén o trazado da vía romana camiñando por ela. Pinceladas de historia en plena natureza, nunha ruta que remataba na Adega O Cepado catando viños de godello e mencía.
A seguinte e última actividade da oficina de turismo ,prevista ata o momento, será o vindeiro domingo 12 de decembro ás 11 horas, pola zona vella do Bolo e a súa torre medieval, protagonistas dun paseo para coñecer a súa historia. Tamén nesta ocasión haberá autobús con diferentes paradas para recoller á xente que queira participar. A actividade rematará coa visita á Adega Corzo en Chandoiro.
Fotos cedidas.