Dende as catro da tarde deste sábado 11 de decembro, a cita para facer as compras de Nadal está en Petín. Trala celebración do de Rubiá na pasada fin se semana, nesta ocasión son as inmediacións do Teleclub as que acollen o I Mercadiño do Nadal de Petín, no que participan unha vintena de postos con artigos e produtos moi variados.
Dende artesanía feita en madeira, ata prendas de vestir, bixutería, decoración, agasallos, bonecos feitos en lá e mesmo artigos de segunda man e antigüidades. No apartado gastronómico hai doces, mel e tamén un posto con chocolate e pasteis para merendar e de paso colaborar co club de fútbol sala feminino Rúa-Valdeorras CF. A escritora Mencía Tano tamén ten un posto cun dos seus últimos libros, Pintando Nueva York.
O mercadiño estase desenvolvendo con todas as medidas anticovid, con estrada pola Casa da Cultura (onde se pode ver o Belén de Juan José Rodríguez “Chavito”) e saída pola parte de atrás, con control de temperatura, mascarillas e xel hidroalcohólico.
A primeira xornada pechará as portas en torno ás oito da tarde pero o mercadiño volverá abrir mañá, de novo de 16 a 20 horas.
Fotos: Mónica G. Bellver.