Ás 12h. deste 21 de xaneiro iniciábase na igrexa de Santa Rita do Barco a misa funeral do do bispo monseñor Eloy Tato Losada, natural de Viladequinta (Carballeda de Valdeorras) e falecido onte 18 de xaneiro aos 98 anos.
Numerosas persoas, entre eles diversas autoridades eclesiásticas, participaban neste acto relixioso de despedida, en cuxa homilía o bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández, aseguraba que “a morte sempre vén cargada de misterio, non nos basta con predecir a súa chegada, sempre nos queda no aire a pregunta e a reposta sobre o por que”. Ademais, destacaba de monseñor Eloy Tato “a súa fe robusta, celo misioneiro ardente, alegría contaxiosa e paz serena. Así era a súa vida”. Despois da misa funeral, procedíase á súa inhumación no cemiterio de Viladequinta, a súa localidade natal.
Monseñor Eloy Tato Losada era bispo dimisionario de Magangué (Colombia). Nacido en Viladequinta (Carballeda de Valdeorras) era o menor de cinco irmáns. Estudou no Seminario de Astorga e foi ordeado sacerdote o 15 de xuño de 1946. Durante 6 anos exercía o ministerio parroquial na comarca de Valdeorras, en concreto na localidade de Alberguería e encargouse tamén das parroquias de Meda, Prada, Riomao, Corexido e Vilaboa, todas elas no municipio da Veiga.
O 8 de outubro incorporábase ao Seminario de Misións en Burgos e ao ano seguinte consagrouse definitivamente ao Instituto Español de Misións Estranxeiras. Logo foi enviado ao Vicariato Apostólico de San Jorge (Colombia) e foi nomeado profesor do Seminario Maior do Vicariato.
En maio de 1960, con 36 anos, foi preconizado bispo titular de Cardicio e viario apostólico de San Jorge, convertíndose no bispo máis xove do mundo. E cando Pablo VI creou a Diócese de Magangué, monseñor Tato foi designado como primeiro bispo da mesma, en abril de 1969. Nela traballou intensamente ata o 31 de maio de 1994, data na que foi aceptada a súa renuncia por motivos de saúde. A partir dese momento regresaba á súa aldea, onde seguiu apoiando á acción pastoral da zona. Era o último bispo vivo que quedaba que tivese participado nas 4 sesións do Concilio Vaticano II (entre 1962 e 1965).