O Concello de Quiroga ten previsto cambiar o equipamento urbano que se atopa máis deteriorado á vez que quere darlle unha nova imaxe. Para iso, a primeira das ideas que se vai poñer en marcha, é escoller algúns dos bancos cos que conta a vila para pintalo dunha maneira diferente, en alusión a unha data sinalada, un personaxe, un lugar ou un produto (viño, aceite, mel,…) relacionado co municipio.
O primeiro banco ao que se lle dará unha nova imaxe verase o día 8 de marzo con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller (a fotografía é un prototipo de como quedará este banco), despois seguiranlle outros con outras cores e motivos diferentes.
O goberno municipal aínda non determinou cantos serán os bancos que entren dentro deste proxecto, dependerá en boa medida do mobiliario urbano que precise renovarse e para o que se conta cun orzamento de 48.000 euros con cargo ao Plan Único Provincial.
Esta nova imaxe, máis colorida nalgúns puntos da vila, quere ir acorde coa arte urbana, “Arte no ar”, que a través de murais de grandes dimensións e lapis como símbolo dos nosos escritores, locen nas fachadas da vila de Quiroga formando parte dunha nova ruta dentro do casco urbano.