EconomíaEconomíaÚltima hora

Preséntase “Conecta Ourense”, con 2 puntos de asesoramento en Valdeorras e Verín

Francisco Conde, vicepresidente segundo da Xunta e titular de Economía, Empresa e Innovación, acudía á presentación desta iniciativa conxunta de CEO e Xunta

Converter á provincia nun polo dinámico en innovación, dixitalización empresarial, sustentabilidade e internacionalización. Este é o principal obxectivo de Conecta Ourense, un ambicioso proxecto que hoxe presentaban na CEO a titular desta entidade, Marisol Novoa, acompañada por Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación. A iniciativa é un proxecto colaborativo entre a confederación e a Xunta, a través da consellería de Conde e coa achega tamén do Igape e Gain, a Axencia Galega de Innovación.

En palabras de Marisol Novoa, Conecta Ourense xorde da “necesidade de localizar e desenvolver o potencial das empresas ourensás en ámbitos como a innovación, dixitalización e internacionalización, para dotalas do coñecemento e as ferramentas apropiadas co fin de desenvolver este potencial e transformalo en competitividade, logrando así un tecido empresarial preparado para o século XXI e para todas as transformacións que vivimos, cada vez máis intensas e determinantes”.

A presidenta da CEO confiou en que este proxecto pioneiro obteña “uns resultados excelentes que confirmen a ampliación destas oficinas no tempo e tamén no espazo físico, para poder instalalas noutras comarcas ourensás”. Conecta Ourense persegue que as empresas, sobre todo as situadas no rural, poidan concorrer a todas as axudas que a administración pon en marcha en materia de innovación, dixitalización e internacionalización de maneira que realicen o máximo aproveitamento e uso de todas as ferramentas dispoñibles, equiparándose a outras comarcas e zonas nas que este índice de utilización é superior. Neste sentido Conde apuntou que un dos obxectivos é “chegar aos
autónomos, pemes e micropemes que moitas veces necesitan deste recurso para coñecer e aproveitar as diferentes liñas de axuda e como poden incorporarse a esta aposta pola dixitalización, a innovación e a sustentabilidade, elementos craves nos que traballar nesta provincia para reforzar o tecido produtivo e que Ourense sómese á transformación dixital e sostible do noso modelo económico”.

Desenvolveranse actividades divulgativas, xornadas, visitas a empresas, foros e outras accións para difundir entre o tecido empresarial ourensán a cultura da innovación, os apoios dos que dispoñen para innovar e a importancia de facelo. Tal e como destacou o vicepresidente económico, isto permitirá levar porta a porta un servizo de información e asesoramento indispensable para as empresas da provincia localizadas en contornos máis rurais.

A iniciativa enmárcase no programa de impulso á innovación das pemes impulsado pola Xunta, no que se están investindo 12 millóns de euros para conseguir elevar a ratio de empresas galegas innovadoras do 20,4% actual ata o 21,4%.

Francisco Conde, que destacou o papel que xoga a CEO no seu labor de apoio ás empresas ourensás, salientou a importancia de que o tecido empresarial e a Administración vaian da man, especialmente no actual contexto que demanda dun esforzo compartido para saír máis fortalecidos desta etapa de recuperación. Neste sentido, fixo fincapé en que a colaboración público-privada vai ser imprescindible para afrontar os grandes proxectos que van permitir a transformación dixital e sustentable do modelo económico, no escenario de oportunidades que presentan os fondos europeos Next Generation.

 

 

Na súa intervención, o responsable de Economía, Empresa e Innovación apuntou o compromiso de toda a provincia de Ourense coa recuperación. Isto explica, segundo dixo, que o número de empresas creadas o ano pasado nesa provincia se incrementase nun 11% con respecto a 2020, e que o incremento das exportacións fose dun 32%, rompendo por primeira vez a barreira dos 1.000 millóns de euros.

Ademais, tal e como apuntou Francisco Conde, Ourense é a provincia con maior número de Concellos Emprendedores, con 66, demostrando a implicación dos municipios na captación de investimentos a través de incentivos fiscais, máis axilidade na tramitación administrativa e no acceso ao solo industrial.

Oficinas físicas no Barco e Verín

Para lograr estes obxectivos, CEO e Xunta estableceron oficinas físicas no Barco e Verín situadas nas asociacións empresariais da zona, Aeva e Aever. Co persoal técnico cualificado e o apoio do equipo da CEO, estes puntos de Conecta Ourense proporcionarán ás empresas os recursos humanos, formativos, divulgativos, de asesoría, soporte e acompañamento para que logren crecer en innovación, dixitalización e internacionalización, e lograr, como fin último, un tecido empresarial moderno, innovador, dixitalizado, internacional e sostible, que sirva ademais de exemplo e motor para o emprendemento de novas ideas de negocio.

 

 

Metodoloxía de traballo

Tras a planificación das visitas a empresas, as entrevistas cos seus directivos e a elaboración dos informes resultantes, os técnicos identificarán as necesidades das empresas para adecualas ao abanico das axudas existentes e acompañalas no proceso de tramitación para un mellor aproveitamento destes recursos.

Con iso Conecta Ourense persegue a través destas oficinas e recursos que as empresas poidan acceder a unha transformación dixital e sostible necesaria hoxe en día para ser máis competitivas nun panorama económico e empresarial tan cambiante como o actual. Igualmente, levarán a cabo xornadas de difusión e divulgación dos apoios que Igape e Gain poñen ao dispor do tecido empresarial para incrementar a súa competitividade; outras ferramentas serán os foros con temáticas innovadoras vinculadas á dixitalización e sustentabilidade como pancas de transformación para as pemes, e a participación neles de empresas, expertos, prescritores e outros profesionais de interese determinados fundamentalmente nas visitas a empresarios realizadas.

Artigos relacionados

Back to top button