Tal como estaba previsto, hoxe arranca a nova tempada de pesca en augas continentais na meirande parte dos ríos galegos para os máis de 41.000 afeccionados que contan este ano con licenza en vigor. A moitos dos cales podía verse na mañá deste domingo 20 de marzo nas augas o Sil ao deu paso pola Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Barco de Valdeorras e A Rúa, tal como pode verse na galería de imaxes.
Uns, afeccionados á pesca sen morte tiñan sorte e lograban capturar unha enorme carpa no encoro de San Martiño que máis tarde regresaban á auga. Outros probaban sorte no encoro de Santiago en Valencia do Sil, aproveitando a baixada do nivel de auga; e o resto atopámolos xa no medio da corrente, tanto na zona do Bañadoiro en Vilamartín, coma na do Malecón no Barco, na procura dalgún exemplar.
Ao igual que a tempada pasada, os luns serán inhábiles para pescar, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 14 de abril (Xoves Santo), durante o que se poderá exercer a actividade segundo a modalidade de pesca autorizada en cada couto.
En canto aos datos da nova tempada, dende a Consellería de Medio Ambiente indican que foron 41.225 as licenzas de pesca tramitadas nas catro provincias, un dato superior ao de 2021 cando a cifra foi de ao redor de 37.000 en toda Galicia, indicador da “volta á normalidade” neste sector tras dous anos marcados polo Covid.
Períodos e tamaños por especies
Aínda que para a troita a tempada rematará o 31 de xullo, nos coutos con convenio de colaboración prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte. Nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña a tempada comezará aínda o 1 de maio.
Como norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e por persoa, cunha talla mínima de 19 centímetros. En canto aos engados, son os mesmos que os da tempada pasada.
No caso do salmón, o período hábil de pesca abranguerá desde o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o seu remate en función das capturas. Nos tramos compartidos do río Eo e nos coutos do Ulla, o período rematará o 30 de xuño.
A cota de captura establécese nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros (45 cm nos coutos compartidos con Asturias). A ratio anual no río Ulla queda fixada en 30 exemplares; no Mandeo os exemplares serán 5; no caso do río Masma a cota é de 15 salmóns; no Miño fíxase en 8; e no couto de Salmeán, en 10. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.
Por último, a tempada hábil para a pesca do reo, en xeral, comezará o 1 de maio e rematará o 31 de xullo. En todo caso, prorrogarase nos coutos de Betanzos, Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Xuvia e Lambre ata o 30 de setembro; e no caso de Ponte Arnelas, Pontevea, Santeles, Sinde e Ximonde ata o 31 de agosto.
Fotos: Mónica G. Bellver
Vídeo cedido