Dende a antigüidade, o incenso ten sido unha substancia moi cobizada e aprezada. É a partir da Idade Media cando cobra gran protagonismo nas cerimonias relixiosas das igrexas cristiás e para o seu uso creábanse dous tipos de recipientes ou turíbulos que permitían queimalo: un con forma totalmente esférica e outro con braseiriño circular e cuberto en forma de torre.
Desta segunda modalidade, asociada ao mundo Gótico, é un conxunto de incensarios que se conservan no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. De taller anónimo e feitos en bronce, están datados entre os séculos XV e XVI. Estes turíbulos veñen de ser escollidos como “Peza do Mes” de abril por esta institución cultural. Ingresaron na súa colección de forma descoñecida, a excepción dun deles que se debe a unha doazón de Ignacio Riestra Calderón no ano 1961, tal e como explica na publicación sobre esta “Peza do Mes”, Ángel Domínguez López.
“Todos estes turíbulos góticos presentan unha estrutura arquitectónica en forma de capela octogonal, de tres corpos con lanterna, de trazaría calada a base de motivos xeométricos (circulares, rectangulares e trevolados)”, indica no seu texto Domínguez López.
Segundo informa o museo, “seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación coa Covid-19, e aínda que a sala de exposicións Escolma de Escultura está aberta ao público, cancélanse as actividades presenciais polo que non se fará a presentación da Peza do Mes”.