CulturaCulturaÚltima hora

As últimas investigacións sobre a guerrilla no noroeste, nunha xornada o 22 de abril en Repil

A Casa dos Amaro en Repil./ Foto: Proxecto Repil 1949.

 

Traballo arqueolóxico de campo, ciencia, literatura e mesmo música. Tomando como marco a Casa dos Amaro en Repil, así como a conmemoración da data do 20 de abril de 1949 (na que a Garda Civil rodeada este refuxio da guerrilla) celebrarase o vindeiro sábado 22 de abril unha xornada guerrilleira cun amplo programa que inclúe conferencias, presentacións de libros, proxeccións e unha homenaxe aos “heroes e heroínas de Repil”.

Esta é a xa cuarta xornada deste tipo vinculada a este “Lugar de Memoria”, que pertencía ao municipio da Pobra do Brollón ata o ano 1934, pero que tras un deslinde pasou a Monforte de Lemos. “O proxecto vencellado a Repil xa leva uns 7 anos en marcha”, lembra o arqueólogo lucense Xurxo Ayán, “no 2016, coincidindo coa primeira campaña de escavacións, organizamos unha primeira xornada sobre a guerrilla. Volvimos organizar outra no 2018, na segunda campaña, e no 2021,  en abril organizamos unha semana enteira de Memoria Histórica en Cereixa (A Pobra do Brollón). Esta nova xornada é un chanzo máis nesta traxectoria, tomando como epicentro Repil e o aniversario do combate”.

Esta previsto que o programa se encetase ás 11h. na Casa dos Amaro en Repil coa presentación dos libros “Cambedo da Raia 1946” e “A Federación de Guerrillas León-Galicia” (Edicións Positivas). Despois, ás 12 h. falarase sobre “A casa de dona Teresa” con Cristina Incio (INCIPIT, CSIC), unha investigadora que realiza unha tese de doutoramento sobre o abandono das aldeas rurais no Incipit, empregando, entre outros, o rexistro arqueolóxico da casa de dona Teresa en Repil.

Os actos mantéñense pero, en previsión de chuvia, pásanse ao campo da Festa de Cereixa (A Pobra do Brollón), por tras da parrillada O Fogón. Ás 12:30h. está prevista unha homenaxe “aos héroes e heroínas de Repil”, con Olga Novo e Xurxo Ayán, seguido da música de Tres de San Lourenzo (Pablo Camarero, Xosé Maseda, Suso Corenta). Será un “combinado de arqueopoesía e música. Olga Novo presentará dous poemas inéditos e eu falarei da proxección arqueolóxica de Repil comparándoo con outros proxectos europeos”, adianta Ayán.

O programa retomarase pola tarde na Casa da Cultura Olga Novo na Pobra do Brollón: ás 17h. Eliseo Fernández (historiador) falará nunha conferencia sobre “Os fuxidos do Courel”, a continuación Mario Bueno (Universidad Carlos III) abordará “Os xornais da guerrilla”. Ás 18h. está prevista a proxeción do documental “A Cidade da Selva”, seguida dun debate-coloquio, con Laura Martínez (Sputnik Labrego). A xornad concluirá cun “viño guerrilleiro” ás 19:30h.

 

 

Este encontro “é unha sorte de paraugas, porque da escavación de Repil foron xurdindo outros proxectos pioneiros en arqueoloxía da guerrilla como o de Sputnik Labrego en Casaio (Carballeda de Valdeorras), logo con Rui Gómez Coello montei o de Cambedo da Raia (Portugal), digamos que nestes últimos tempos a arqueoloxía da guerrilla segue en voga entón proxectamos esta xornada para compartir experiencias e novidades editoriais, ademais presentamos investigacións en curso e damos cabida ao documental A Cidade da Selva“, explica Xurxo Ayán.

Ademais, na véspera da xornada grupos de alumnos do Instituto da Pinguela de Monforte de Lemos visitarán a Casa dos Amaro entre as 12h. e as 14h. Unha visita para a que os investigadores prepararon unidades didácticas e dossieres.

E, como complemento a esta xornada guerrilleira, a Casa de Turismo Rural Eco dos Teixos (Casaio), organizará o domingo 23 de abril unha ruta guiada ao Teixadal do Casaio no que poderán verse os chozos dos guerrilleiros.

Artigos relacionados

Back to top button