OurenseÚltima hora

Unha pela de barro do Castro de Laias, “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

A súa presentación terá lugar o vindeiro mércores ás 20h. na Sala Escolma de Escultura e estará a cargo de Xulio Rodríguez

Foto: Fernando del Río Martínez.

 

Un fragmento irregular de barro cocido, “tendente a unha forma plano-convexa, de cor máis escura na parte superior, por efecto do lume, que na inferior, máis plana, cun peso aproximado de 300 gramos. Así describe o investigador Xulio Rodríguez González a pela de barro do Castro de Laias, atopada durante as escavacións realizadas neste xacemento entre os anos 1996 e 1997 por parte de Luis Francisco López González e Yolanda Álvarez González.

Así mesmo, esta pela datada no século I antes de Cristo e que vén de ser escollida como “Peza do Mes” de novembro polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, amosa “as marcas en profundidade de tres dedos, ademais de gran cantidade de pegadas dactilares en toda a súa superficie, identificándose, nitidamente, dúas na parte inferior e tres na contorna da parte superior. As pelas celtibéricas de Gormaz, Numancia ou Roa de Duero, representan tamén elocuentes exemplos da existencia nelas de pegadas dixitais.Este tipo de pezas, a modo de tortas informes, foron elaboradas a partir dunha masa de barro cru por esmagamento, batendo no barro coa man dereita, mentres se suxeitaba coa esquerda”, continúa Xulio Rodríguez González na publicación sobre esta peza editada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Este investigador será ademais o encargado de presentar esta “Peza do Mes” o mércores 8 de novembro ás 20h., na sala de exposicións “Escolma de escultura”, con entrada libre.

Rodríguez González salienta tamén que estas pelas acostuman estar vinculadas con refugallos dos fornos de cocción cerámica, se ben esta pela en concreto “debeu ter cumprido algunha outra función, pois en ningún dos seus lados presenta en negativo a forma do obxecto ou lugar sobre o que iría aplicada. Todo parece indicar que se trata dunha pela pensada para fabricar algún elemento auxiliar dun recipiente”. Sobre ela afondará no acto previsto para o vindeiro mércores.

 

Artigos relacionados

Back to top button