
Na xornada deste luns 20 de xuño falecía en Cidade de México, acompañada dos seus seres queridos, Celia Teijeiro López, muller e compañeira de vida do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.
De orixe galega, Celia Teijeiro naceu hai 96 anos en Cuernavaca (México) e casou co poeta valdeorrés en 1944, cinco anos despois de que, tras a guerra civil, el chegase a México como exiliado a bordo do Ipanema. Era filla de emigrantes coruñeses e sendo moi pequena, trasladouse á cidade dos seus proxenitores, ata que en 1939 a familia volveu establecerse á outra beira de Atlántico.

Coñeceu a Florencio en Cidade de México, mentres traballaba na zapatería dun tío seu e o escritor e activista cultural se gañaba a vida como representante dunha casa de zapatos. A parella tivo cinco fillos: Florencio (1944), Celia (1945), Maruxa Ildara (1949), Lucio Antonio (1951) e Carmiña (1955). As tres fillas e un dos seus netos viaxaron dende México e os Estados Unidos para participaren na celebración do Día das Letras Galegas 2022 o pasado 17 de maio en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a vila natal do autor. Ela, debido á súa avanzada idade, non puido estar presente aínda que vivíu a homenaxe “con enorme ilusión” na distancia.
Dende Galicia estanse a suceder as notas de tristura e condolencias, entre elas a do equipo de As Letras de Florencio e da veciñanza de Valdeorras que “mandan unha aperta moi agarimosa a toda a súa familia” e tamén da Real Academia Galega que “expresa o seu pesar polo pasamento da viúva do protagonista do Días das Letras Galegas 2022”.
Tamén dende a xunta directiva do IEV facían público “o seu sentimento de dor polo falecemento de Dona Celia Teijeiro López, viúva de Florencio Delgado Gurriarán, Membro de Mérito e Valdeorrés Ilustre”, pesar que facían extensible “ás familias Delgado e Gurriarán así como ao pobo de Córgomo e a todos os veciños do concello de Vilamartín de Valdeorras”.



