OurenseÚltima hora

Continúa o nivel máximo de alerta por calor en toda a provincia de Ourense nesta fin de semana

 

MeteoGalicia informa de que Galicia continuará aínda durante a fin de semana baixo a influencia da masa de aire cálida de orixe norteafricana que leva sobre a nosa Comunidade dende o pasado venres. Está impulsada polas altas presións localizadas ao norte da península Ibérica e unha DANA (Depresión Aillada en Niveis Altos) situada no Atlántico. Esta DANA irase achegando progresivamente a Galicia, desaloxando lentamente a masa de aire cálido, pero ese desaloxo non sucederá previsiblemente ata o luns.

Isto deixa unha previsión de temperaturas moi extremas, tanto mínimas como máximas, en moitos puntos do interior da comunidade ata o domingo.

Neste senso, a Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, e no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, indica que a situación para Galicia ao longo desta fin de semana será a seguinte:

  • Continuarán en nivel 3 (máximo) todas as zonas da provincia de Ourense e de Lugo, agás a zona da Mariña.
  • O resto de Galicia estará en nivel 2 por episodio de calor, agás as zonas do Oeste e suroeste da Coruña, e a zona das Rias Baixas en Pontevedra, que pasará a nivel 1.

Recomendacións

Dende a Consellería de Sanidade lémbrase á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor extremo.

Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.
Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a vinte.

Aínda que estas recomendacións son para a poboación en xeral, terase que extremar a precaución nas persoas con risco de ter mais episodios adversos relacionados coa calor, como son os nenos e nenas menores de cinco anos, as persoas de idades avanzadas e as persoas con enfermidades crónicas: cardiocirculatorias, respiratorias, renais, mentais, diabetes, hipertensión arterial e obesidade.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

Artigos relacionados

Back to top button