O barquense Luis Manuel Gurriarán Rodríguez leva escritas moitas páxinas ao longo da súa vida. De feito é unha afección que lle vén xa de novo e cando ten un rato ponse a escribir, aínda que novelas unicamente ten dúas. Hai anos publicaba La Ruta de Las Estrellas, un libro histórico ambientado nos séculos anteriores á Idade Media e en plena pandemia de Covid, presentaba o seu segundo título ¿Lidia o Victoria? (Punto Rojo Libros, 2021) que narra a historia dunha muller vítima de malos tratos.
O libro estaba na editorial para sacalo en maio de 2020 pero coa chegada do Covid non se publicaba ata febreiro de 2021. Un ano e medio despois, tras ser presentado na Coruña onde vive Gurriarán e tal como pasara co seu primeiro libro, ¿Lidia o Victoria? chegaba ao Barco, sendo presentado na cafetería do Casino da man do Instituto de Estudos Valdeorreses.
No acto, presentado polo presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, o propio autor explicaba o motivo que o levou a escribir o libro. Nun momento no que a información chega puntual e cada vez con maior celeridade “estamos todos os días vendo mortes por este motivo. Dende que existen rexistros (no 2003) van 1.148 vitimas mortais (datos a 31 de maio de 2022). No ano 2021 houbo 43 mortes, neste 2022 van 18 mulleres mortas a mans de homes, datos que me seguen chamando a atención e iso é o que me empuxa a escribir sobre o particular”, explica o propio Luis que para dar forma á protagonista, fixo o seguemento sobre o tema, “lin todo o que caía nas miñas mans sobre o particular, vin todo o que se publicaba tanto en televisión como en prensa e noutros medios”, ademais de falar con xente que pasara por este trance, e comezou a escribir.
Primeiro fíxoo en terceira persoa, como narrador, pero parou porque non lle convencía. “Tiña que ser escrita en primeira persoa. Debía ser a protagonista a que narrase os feitos e tiven un proceso de adaptación de min mesmo. Tiven que poñerme na mentalidade e no corpo dunha muller para retomala e volver escribir ata que a terminei. Ese parón foi de varios meses porque me resultou moi difícil. Así como hai mulleres que escriben moi ben como homes e viceversa, no meu caso custoume facer esa reflexión. E logo tamén aproveitei o parón para documentarme máis e falar con máis xente que pasara por este trance, algo que che pon en situación”, di Luis Manuel.
Sobre o contido da novela, Luis Manuel limitouse a ler o resumo da contraportada pero nunha entrevista concedida ao Periódico O Sil destacaba que Lidia/ Victoria “son unha mesma persoa. Lidia é unha muller que nun momento sofre maltrato e por unha serie de circunstancias, cambia de vida e de poboación, comeza a traballar… Digamos que Lidia é a primeira parte da novela e Victoria a segunda parte”.
Na presentación feita esta tarde tamén interviu a vicesecretaria do IEV, Sherezade Núñez, quen como muller fixo unha reflexión sobre a violencia de xénero, falando dos dereitos humanos e destacando que “como sociedade temos que tender a man ante as inxustizas”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.